Sunday 12 de May de 2024

O Concello estudará a posibilidade de habilitar ao baño no Parrote sempre que a calidade da auga o permita, teña un posto de salvamento e balizas de seguridade


A prohibición do baño nas augas portuarias do Parrote acordouna a comisión de seguimento do Concello e Porto no mes de abril

O goberno local estudará co Porto a posibilidade de abrir a zona ao baño sempre que o permita a lexislación vixente. Para iso o espazo debería ter un posto de salvamento do mesmo xeito que nas praias da cidade e con balizas que separasen aos bañistas do tráfico marítimo. Asemade, a calidade das augas debería ter o visto bo dos técnicos municipais.

A sinalización que colocou hoxe o Porto sobre o baño no Parrote, e noutros espazos da costa, acordouna polo anterior executivo local e pola entidade portuaria na comisión de seguimento do pasado mes de abril. Así o confirman os técnicos do departamento de Seguridade Cidadá, que aseguran que a responsabilidade é compartida por ambos os entes públicos e que o espazo non conta coas medidas de seguridade suficientes que garantan o benestar dos bañistas.

Deste xeito, con carácter xeral, o baño en zonas portuarias está prohibido tanto pola lexislación estatal, como autonómica, que regula os usos portuarios. Nalgunhas circunstancias permítese o baño (en zonas delimitadas e balizadas) cumprindo varios requisitos entre os que cabería destacar a dotación de socorristas e a certificación de que a auga é apta para o baño.